A Ukestra do medio é unha proposta orixinal e chea de frescura que alberga influencias de rock’nroll, country, swing, pop e surf. Ademais das voces, o caixón e os distintos tipos de ukeleles: sopranos, tenores, barítonos e baixos, incorporan a pandeireta, a táboa de lavar, o güiro, o xilófono, o oviño shaker, o vibraslap ou a cuica. Un compendio de instrumentos miúdos a través dos cales marcan o ritmo de pequenas historias sobre o amor, as expectativas truncadas ou os tempos pasados. Letras graves, ás veces, que contrastan coa frescura do son dos ukeleles. Un convite a mover o corpo ao son das cancións máis pegadizas.